En varias ocasións Ferreiro Peinó foi entrevistado na radio, xeralmente co gallo dalgunha das súas exposicións. Perante os micrófonos de Radio Lugo (Cadena SER) falou na maioría dos casos, aínda que non conservamos ningunha gravación deste medio. Lembramos as feitas por Tonina Gay e Antón Grande, este último nun programa matinal sobre a cultura galega que se emitía nas mañás dos domingos a finais dos anos 70. Tamén o tristemente desaparecido Lino Braxe entrevistouno para Radio Cadena Española nos anos 80.

Si contamos cunha gravación da entrevista que o xornalista Xulio Xiz fixo a Ferreiro Peinó en Radio Popular (Cadena COPE). A conversa mantivérona por mor da Mostra antolóxica de Esculturas do artista (Lugo, 1980). Ademais, esta entrevista foi publicada en El Ideal Gallego o 27 de abril de 1980.

Tamén temos constancia doutra entrevista en xaneiro de 1981 co gallo da súa Mostra antolóxica de Esculturas en Begonte. Isto é así grazas ao guión dos tres programas que Radio Popular gravou desde o Nadal da dita localidade (imaxe da esquerda). Peinó aparece citado nese fragmento e en máis lugares do documento, o cal podes consultar completo se premes nel.

E grazas a estoutro guión de radio coñecemos que Luis Ferreiro Peinó foi mencionado da maneira que se amosa na imaxe co motivo da exposición individual do artista en decembro de 1977. Porén, non sabemos con certeza a que emisora de radio pertence este guión.

A última ocasión en que se falou de Ferreiro Peinó na radio foi recentemente no Diario Cultural da Radio Galega. Xoán Luis Ferreiro, fillo do escultor, e Brais Ferreiro, un dos netos de Peinó, responderon as preguntas de Isabel Pichel. Tes máis información da entrevista aquí e podes escoitala no vídeo da esquerda.


Na televisión apareceu poucas veces. Tan só conservamos unha gravación da Televisión de Galicia (TVG) na contraportada do Telexornal da desconexión para Lugo. A dita aparición, en novembro de 2004, debeuse á exposición de homenaxe que estaba tendo lugar eses días no Círculo das Artes de Lugo.

Ademais, nunha entrevista en El Progreso (10/10/1971) afirmou que unhas poucas obras saíran no programa España en directo de Televisión Española (TVE). Con todo, non localizamos a mencionada referencia.