Artesonado
Artesonado é a revista de difusión cultural da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Ramón Falcón de Lugo. Contamos con dúas referencias a Ferreiro Peinó nos números da revista. Na primeira (xaneiro de 1991) o artista aproveitou para “autodefinirse”. É dos poucos textos que conservamos en primeira persoa de Ferreiro Peinó. A segunda aparición (2004) foi tras o seu pasamento e, máis concretamente, tras a exposición de homenaxe que precisamente organizou a dita asociación. Gonzalo S. Folgueira foi o autor do agarimoso texto. Unhas páxinas máis adiante pódense ver imaxes da dita exposición.
Cruces de Bohemia
Esta publicación definíase como unha “revista narrativa da arte lucense”. Editada en Chantada por Lomarti, contou cun breve texto sobre Luis Ferreiro Peinó.
Mazarelos
Mazarelos é unha revista de arte e cultura que se edita dende xaneiro de 2020. O número 6, publicado en outubro de 2021, inclúe un artigo elaborado por Xoán Luis Ferreiro e Brais Ferreiro, fillo e neto de Peinó. Nel repasan brevemente a vida, a obra e a pegada do escultor, ademais de presentar o proxecto impulsado co gallo do seu centenario.
A revista pódese mercar a través da tenda en liña de Mazarelos ou nos puntos de venda habituais, como a Librería Trama (Avenida da Coruña, 21, Lugo).
Praza Maior
Praza Maior era unha publicación impulsada polo Concello de Lugo. Ferreiro Peinó foi entrevistado por Manuel Rodríguez López e a reportaxe publicouse o 1 de outubro de 1988. Xunto co artigo de Táboa Redonda, trátase do texto máis completo arredor da súa figura e a súa obra.
Programa do San Froilán (1990)
O programa do San Froilán dese ano incluíu algunhas caricaturas de José Mouriz. Estas foran publicadas catro anos antes pola Deputación de Lugo no libro titulado Homes de Lugo, ao cal xa nos referimos aquí.