Xavier Rodríguez Barrio dedicou dous poemas a Luis Ferreiro Peinó.

O Salmo enteiro a Luis Peinó foi publicado no suplemento Táboa Redonda do xornal El Progreso o 4 de novembro de 1973 e incluído posteriormente no seu libro Antífona da redención no ano 1977.

En 2004 escribe Para Luis Peinó, escultor, o cal se publica dentro do catálogo da exposición-homenaxe organizada no Círculo das Artes de Lugo no mes de novembro tralo pasamento do artista.

SALMO ENTEIRO A LUIS PEINÓ, ESCULTOR

 I
 
 Con mil cousas que eu non sei podía a cenza certa
 facer un gran misterio na cova da pena doutro tempo.
 Alí a morte púxose morte nos soles redondos i as redondas lúas
 acugulando acoros no tronco-seducción a cazar soños no ar
 esfaemado.
 Alapearse de alacar i albiscar o bacento dos cadullos calcados.
 Xubia. Tronco. Carraxe. Catar
 na caveira catando celmoso a cepoadas.
 Corga companga de crebar biruta costaneira, corriqueira e crecha.
 Cranco perfeuto a ceibar caxatos
 pra crabuñar.
 E de novo anicrar o espírito no tronco e anozcar no paradiso do crabuño
 e crabuñar
 e despois a crabuñar
 crancos pra crebar no crecho do maxín.
 Peniscar, garlopar e tornarse tento
 a enrestrar, escarabellar i esmigallar birutas
 e birutas a crabuñar da testa ó chao.
 Espilirse por mazmido sin marrar un sólo cadullo e meigallar
 e non sangar biruta
 (Mixiriqueiros mirrados ou calan
 ou nonatos en algures de sécolas lerias).
 Roca a xubia con roca e raña con lixa nos rautos de secura.
 Tangue e soergue pra teimar con teima e despois tatexa,
 e tatexa charetas de tronco cabaco a cabaco,
 de labra de tronco cabaco a cabaco,
 de pingas de tronco cabaco a cabaco,
 de ananos tatexos do decir de seu no leño morrebundo.
 Salaia e chabuña. (Cousos rasos limitados).
 Crabuña que se non move ren,
 e fica inzado de birúticos laios langreando no ár
 Pra derrotárese non crabuñar, velar e máis ser,
 outra vez non ir e vir, e non ser, e non ter vida.
 Crabuñar, vivire. Estar en vela,
 e despois teimar, teimar, teimar. (Riscos pra chorar).
 Ausenza do desencontro morgado,
 penitencia irremisiblemente espranzada,
 primeira consecuencia dun século invisibel,
 en termo derradeiro, mar no que aínda
 non naufragou ningún soño.   
 II  
  
 Vezo de crabuñar pra ser. E nada ter
 i estar e vela na escuridá negreira
 e de novo anicrar o esprito no tronco.
 Sensos. Maos. Maxín: tentos de tantas sombras
 de perfiles soñados en madeira feitos mundo,
 branceira da bocanoite do esquezo antre cabacos sobros.
 Serrála pena en dúas pra curála vida,
 e bradar que as noites pasan sin mencer,
 e que hai quen estoupóu con tanto conto da boa pipa,
 e que compre guindar contra a parede os frascos todos dun silenzo
 qué quén sabe si se foi e non se vai.

 XAVIER RODRÍGUEZ BARRIO (1973) 

PARA LUIS PEINÓ, ESCULTOR

Con mil cousas que non sei,
 dixo Peinó o escultor, aquel humilde,
 hei facer misterios para os homes
 dominando os troncos das árbores antigas.
 
 
 E alí a vida fíxose madeira en ti
 e nas túas mans naquel recuncho,
 acugulando acoros nun baixo a contraluz
 ó pé da túa casa e da muralla.
 
 
 E a gubia na madeira
 procurando celmosa darlle vida.
 E a vida na biruta garlopada
 a meigallar mil soños na cidade  
 para non sangrar biruta.
 
 
 E despois teimar,
 -teimudo acompañante de palabras-
 teimar co formón e o garlopín,
 e logo o escopro a se cravar na alma
 para horas e anos de inhóspito abandono.
 
 
 E ti a cravuñar en frío o fío da escofina,
 e debuxar unha boca a se beber o viño
 amaro e abondoso no dicir de teu
 na madeira antiga e morrebunda.
 
 
 E de novo anicado o espírito no tronco
 e eses grosos cristais de ver de cerca
 por detrás xusto dos teus ollos cansos,  
 caendo para adentro de ti e dos teus mundos,
 para adentro de ti, Peinó amigo,
 no teu tacto deixado en tantas sombras
 feitas vida,
 convertidas por fin na túa canseira.
 
 
 E Peinó como en cegueira de escultor
 a serrar a anguria sen curar a vida,
 como quen busca paseante
 soños altos e misterios,
 secas árbores de olvido e de silencio,
 troncos vellos para un home solitario
 que quén sabe si se vai
 e aínda hoxe non se foi cara ó abandono.
 
 
 XAVIER RODRÍGUEZ BARRIO (2004)