Arte español 76 (Lapiz, 1976)
Peinó aparece neste anuario editado por Lapiz. O obxectivo da publicación dirixida por José Alberto López era a de facer unha sorte de memoria do que sucedía no mundo arte en España ao longo do ano anterior. En concreto, a referencia do artista lugués aparece no índice de exposicións, a cal se corresponde coa súa segunda mostra individual.
Antífona da redención de Xavier Rodríguez Barrio (Alvarellos, 1977)
Xavier Rodríguez Barrio é un poeta, narrador e ensaísta, pertencente á Xeración dos Oitenta. O libro Antífona da redención recolle maioritariamente poemas que foran publicados entre 1973 e 1975 no suplemento literario Táboa Redonda que dirixía Ánxel Fole. Este libro obtivo o Premio Galicia en 1977 e foi finalista do Premio da Crítica Española.
Podes coñecer máis o escritor aquí.
Arte español 78 (Lapiz, 1978)
Peinó aparece de novo no anuario editado por Lapiz. Esta vez, a referencia do artista lugués correspóndese coa súa terceira exposición individual.
Homes de Lugo de José Mouriz (Deputación de Lugo, 1986)
José Mouriz foi mestre e afeccionado á caricatura dende os seus tempos de estudante de bacharelato. Influído polos debuxos e caricaturas de Castelao, ao cal coñeceu en 1932 en Santiago de Compostela, quen o animou a seguir coa súa actividade. O libro recolle unha selección de caricaturas de personaxes de Lugo, na súa maior parte, dos anos 50, 60, 70 e 80. Moitas delas foran publicadas anteriormente no xornal El Progreso, nunha sección que levaba o mesmo título que o libro.
Lugueses de Manuel Rodríguez López (1990)
Manuel Rodríguez López foi un escritor que cultivou a poesía e a prosa. Conta con numerosas colaboracións na prensa. Lugueses é un libro inédito no que se recompilan os artigos xornalísticos publicados no xornal Praza Maior, editado polo Concello de Lugo e dirixido por Xulio Xiz. Nel inclúense máis dunha ducia de persoeiros lugueses e acompáñanse os textos coas fotografías incluídas nos escritos orixinais publicados polo escritor de Paradela.
Para coñecer máis da vida e obra de Manuel Rodríguez López podes consultar a páxina web dedicada a el.
Sinais na area. Escritos sobre arte de Xulio López Valcárcel (Deputación da Coruña, 2007)
Xulio López Valcárcel, escritor pertencente á Xeración dos Oitenta, publicou obras de poesía, de narrativa e de ensaio. Neste libro o autor, que empeza confesando «a facilidade para conectar con pintores, músicos, escritores e artistas en xeral», unha admiración que o levou desde sempre a buscar a súa compaña, inclúe un capítulo de Relatorio persoal de artistas no que aparecen reflectidos moitos dos que se foi atopando ao longo da súa vida, a modo de viaxe sentimental pola arte galega.
Podes coñecer máis a López Valcárcel aquí.