Construímos este proxecto co maior rigor e precisión posibles. Nesta páxina gustaríanos deixar constancia das fontes empregadas e dalgúns criterios aplicados nos principais apartados da web.

Biografía

Neste apartado a principal fonte é a memoria do seu fillo, Xoán. Grazas aos seus recordos de cativo e adulto reconstruímos e ordenamos os principais fitos da súa vida. Con todo, tamén nos apoiamos na prensa, da cal extraemos moitas citas e algunha fotografía, ou en libros como o de Xulio Válcarcel.

Obra

A maioría da obra amosada pertence á familia do escultor. Aínda que non coñecemos o significado de todas as obras, tratamos de ofrecer unha explicación dalgunhas das máis destacadas. Moitos dos comentarios proveñen das entrevistas e dos artigos e críticas da prensa e outros do coñecemento da familia.

Neste apartado, especialmente coas esculturas, seguimos unha serie de criterios:

  • Respectamos os títulos orixinais das obras, aínda que contivesen castelanismos ou outros erros non admitidos no galego estándar actual co obxectivo de conservar a maneira de expresarse do artista. Porén, si corriximos faltas de ortografía, xa que entendemos que non se cometían conscientemente.
  • Non conservamos documentos de Ferreiro Peinó en que aparezan claramente as datas das súas obras. Para poder ofrecer unha cronoloxía aproximada apoiámonos sobre todo nos catálogos das exposicións. Grazas a comparar as obras que levaba a cada unha delas, mais a data en que acontecía a mostra, establecemos unha serie de abanos cronolóxicos que permitiron precisar o máximo posible a data de creación das obras. Algunhas contan cunha referencia cronolóxica máis precisa grazas ao contraste con outras fontes, como mencións na prensa ou a memoria do seu fillo.

Exposicións

Nesta sección incluímos boa parte da documentación que conservamos. Son principalmente os catálogos das exposicións máis algunha fotografía. Non obstante, dalgunhas mostras só temos coñecemento delas grazas a outras fontes e, ou ben colocamos algún material relacionado que atopamos na rede, ou ben tan só poñemos a mención ao non atoparmos ningunha referencia.

Prensa

Moitos dos recortes de prensa correspóndense cos orixinais conservados na documentación familiar. Outras moitas referencias están dixitalizadas e foron extraídas das hemerotecas de Faro de Vigo, El Progreso e La Voz de Galicia. El Pueblo Gallego e El Ideal Gallego proveñen de Galiciana.

Os criterios para ordenar a prensa foron os seguintes:

  • Agrupámola nas categorías que se poden consultar para facilitar a súa clasificación: entrevistas, artigos e críticas etc.
  • Dentro de cada categoría, ordenámolas cronoloxicamente.
  • Puxemos cada referencia coa maior información posible, isto é, nome do medio, data e páxina. Cando algún dato non se coñece (por exemplo, moitos dos recortes que conservamos en papel carecen do número da páxina), omitímolo; e cando non estamos seguros do medio ou da data, pero temos certos indicios, acompañamos a correspondente parte da referencia cunha interrogación (“?”).

Outras referencias

Neste apartado agrupamos as restantes publicacións en que se fala de Peinó. Para completar esta sección, colocamos as portadas dos libros, revistas etc. en que se atopa a referencia e acompañamos cada unha delas dunha breve explicación.