Exposición de tallas en madera de Luis Ferreiro Peinó
Deputación Provincial de Lugo, do 31 de maio ao 10 de xuño de 1968
É a primeira exposición individual de Luis Ferreiro Peinó. Realízaa cando levaba xa dez anos participando en certames e nalgunha mostra colectiva. Inicialmente estaba programada até o 7 de xuño, pero grazas á prensa sabemos foi prorrogada tres días.
Exposición de esculturas de Luis Ferreiro Peinó
Deputación Provincial de Lugo, do 1 ao 8 de febreiro de 1975
No Paraninfo da Deputación Provincial de Lugo ten lugar a segunda exposición individual. Presenta esculturas de grande, mediano e pequeno formato, tal e como se pode observar nas imaxes.
Esculturas. Luis Ferreiro Peinó
Deputación Provincial de Lugo, do 13 ao 20 de decembro de 1977
Trala celebración do Bimilenario da cidade de Lugo en 1976, o artista expón a súa nova obra cunha clara evolución no seu estilo, aínda que presenta algunhas pezas da etapa anterior. No catálogo pódense observar debuxos dalgunha das súas novas obras.
Mostra antolóxica de Esculturas (Lugo)
Deputación Provincial de Lugo, do 25 ao 30 de abril de 1980
Nesta exposición presenta unha escolma do seu labor na denominada Mostra antolóxica de Esculturas. Insírese no catálogo unha crítica de José Trapero Pardo, que foi cronista oficial de Lugo, membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e da Real Academia Galega, director do Museo Provincial de Lugo e tamén dos xornais La Voz de la Verdad e El Progreso.
Mostra antolóxica de Esculturas (Begonte)
Teleclub e centro cultural, do 13 de decembro de 1980 ao 18 de xaneiro de 1981
No marco das actividades culturais arredor do Belén de Begonte, Luis Ferreiro Peinó expón as súas tallas. Na capa do catálogo aparece unha das súas obras máis emblemáticas desta etapa: Familia.
Mostra antolóxica de Esculturas (O Páramo)
Do 7 ao 10 de xuño de 1981
No Páramo, dentro das Feiras e Festas de Primavera, Luis Ferreiro Peinó realizou a súa derradeira exposición individual.
Exposición de homenaxe
Círculo das Artes de Lugo, do 3 ao 13 de novembro de 2004
Esta mostra estivo organizada pola Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Ramón Falcón por mor do pasamento do escultor. Ademais da exposición, editouse un coidado e amplo catálogo sobre a súa obra.
Peinó 100. Luis Ferreiro Peinó no seu centenario
O Vello Cárcere de Lugo, do 3 de novembro de 2021 ao 17 de febreiro de 2022
As obras de Peinó volven expoñerse dezasete anos despois aproveitando a efeméride do seu centenario, esta vez no Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. A mostra puido visitarse no 1º andar das antigas celas de mulleres entre o 3 de novembro de 2021 e o 17 de febreiro de 2022 (inicialmente, 7 de xaneiro).