LUIS FERREIRO PEINÓ

Lugo, 19.05.1921 – 13.04.2004

Luis Ferreiro Peinó, tallista e escultor autodidacta, naceu en Lugo na antiga Ronda do Miño (preto da Porta Nova da muralla) o 19 de maio de 1921.

Foto: Peinó (La Voz de Galicia)

Dos seus primeiros anos lembrou nunha entrevista os xogos cos catro irmáns e os amigos no barrio de Abuín; os baños no lugar onde hoxe gozamos das instalacións da praia fluvial, a construción das cales presenciou dende o seu inicio1 e tamén a personaxes populares, como «Trifón Calderetas», que tiña un piso cheo de ferranchos e metais na rúa da Tineria, ou «Elvira la Loca» á que os rapaces fuxíanlle porque arremetía contra eles2.

A Guerra Civil marcouno: a memoria daquel desastre debe borrarse para sempre. Aínda me parece escoitar as descargas duns fusilamentos ás seis da tarde ó pasar pola rúa do Bispo Aguirre. Mellor é non falar3.

Comezou axudando na perruquería do seu pai, mais dende 1938 dedicouse á talla en madeira.

A principios dos anos corenta do século pasado foi á academia de debuxo do mestre don Rafael Estrada, ao igual que tamén o fixeron moitos artistas lugueses (Pacios, López Guntín, Cancio, Blas e Tino Prados)4.

Traballou como tallista nunha empresa ata finais dos anos cincuenta: empecé como tallista decorador de muebles y poco a poco he ido evolucionando hacia la talla artística, pero siempre de acuerdo con mis propias ideas. No, no he tenido maestros5.

No ano 1956 contrae matrimonio con María Teresa Carballido Argerey e axiña instálase no seu pequeno taller da rúa Calvo Sotelo, actualmente praza do Campo Castelo.

Ademais dos traballos de talla en madeira que lle encargaban (marcos, remates para mobles, moldes para fundición, placas…) comezou a facer esculturas: vocación que quizais teña a orixe na perruquería do meu pai, onde había catro desagradables cabezas en madeira cos globos oculares sen meniña6.

Foto: Vega (El Progreso)

O meu pai era perruqueiro, especializado en perrucas. Este feito foi vital na miña traxectoria debido á extrañeza que, na miña nenez, me causaban os ollos cegos que tiñan os bustos de madeira das perrucas. Este pouso que me quedou na lembranza puido ser o que, anos máis tarde, ao atoparme traballando como tallista de mobles, me fixo evolucionar cara á escultura, buscando nela plasmar as miñas inquedanzas7, escribiu na preparación dun texto para incluír na revista Artesonado. Cedo descubriu Peinó a súa afección polas formas. Xa de neno, na barbería do seu pai entretíñase en facer monecos empregando de recheo o pelo dos clientes, como dixo o escritor Xulio López Valcárcel8.

O escultor lugués presentou a súa obra en varias exposicións colectivas dende 1958 ata o 1991 e individualmente expuxo as súas esculturas dende 1968 ata o 1981. Con todo, tras o seu pasamento no ano 2004, organizouse unha exposición-homenaxe no Círculo das Artes de Lugo.

Foto: El Progreso

Unha circunstancia destacable no seu labor artístico foi a viaxe realizada en 1974 por Italia. Alí percorreu Roma, Florencia e Venecia e puido apreciar de primeira man a obra de grandes mestres da escultura.

Roma, Florencia, Venecia, aqueles palacios, templos e pinturas son unha maravilla. E o «Moisés» e a «Pietá», de Miguel Anxo, son fantásticas. Non son obras pechadas nuns cánones clásicos. O artista salientou nelas a anatomía e acentuou certos rasgos para darlles máis forza e orixinalidade. Tamén visitei o Museo de Arte Contemporáneo de Roma, onde vin cousas moi curiosas. ¿Estou co clásico ou co moderno? Todo é válido. As covas de Altamira son unha catedral da arte prehistórica. Os gregos eran a perfección. Logo caemos no románico e chegamos ó gótico, máis estilizado, en procura das alturas. Parece como se estivésemos a retroceder; pero a arte segue o seu camiño e non sabemos a onde chegará. O futuro é impredicible9.

No ano 1975 rematou os estudos de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos na Escola Ramón Falcón de Lugo (actualmente Escola de Arte e Superior de Deseño), onde obtivo o título de Graduado na especialidade de Cerámica.

Peinó, escultor

A súa actividade escultórica iniciouna cunha obra de tipo figurativo e realista. Os temas máis frecuentes nas súas obras foron os humanos, o compromiso social, o mundo onírico, a creación duns mundos fantasmagóricos e Galicia10. Incluso Uxío Novoneyra, cando Peinó lle mostrou unha escultura con influencias exipcias dixo que si, pero os peitos da muller son galegos11. O poeta do Courel visitou varias veces o seu taller.

Varias das obras de maior tamaño que esculpiu nesta primeira etapa (Seducción, Humanidade, Imaxinación ceibe, Soños dun famento, Sede, La madre Tierra no discrimina a sus hijos…) foron realizadas empregando as trabes dunha vivenda demolida na Ruanova a finais dos anos sesenta.

Trala exposición celebrada en febreiro de 1975 comezou a mudar o seu estilo mediante o emprego de liñas simples e puras, o uso da abstracción, o aproveitamento dos ocos, a fusión de formas en bloques e unha maior estilización. Nunha entrevista co significativo título de La metamorfosis de Luis Ferreiro Peinó afirmou ter trinta novas obras de cara a unha próxima exposición indicando que hai que renovarse o morir. El artista debe buscar nuevas formas, nuevos estilos12.

Nunha carta do 6 de decembro de 1977 na que convidaba ao ministro da Presidencia a visitar a súa exposición, Peinó escribiu que la motivación de estos cambios viene dada por la celebración del Bimilenario de Lugo pues pensé que la escultura de 2000 años después tenía que ser muy diferente y creo que lo he conseguido13.

Nese mesmo mes afirma nunha entrevista que la motivación de haber cambiado fue dada por la celebración del bimilenario de la ciudad. He pensado que después de dos mil años había que hacer escultura de este tiempo. Para ello no me he fijado en nada sino que ha sido como una manifestación subconsciente14.

Precisamente, coa celebración do Bimilenario, esculpiu en 1976 Homenaxe a Lucus Augusti, unha talla feita en nogueira e buxo, na que aparecen o escudo de Lugo, a Muralla romana, a praza do Campo e a aguia imperial: unha talla moi evocadora que me deu un traballo do demo pola gran cantidade de pequenos detalles que esculpín superando problemas de visión, que eu coidaba miopía progresiva e que se resolveron cunha doada operación de cataratas15 á que se someteu en abril de 198416.

Segundo afirmaba, muchas de estas obras han sido creadas mirando frente al tronco y empezando a buscar formas en él17. Como dicía Xosé Trapero Pardo, Peinó arranca a un tronco informe su secreto con la gubia para convertirlo en arte vivo, ya sea en un rostro arado por las arrugas del tiempo, ya sea en la curva llena de ternura de una «Maternidad», ya sea en el gesto agrio de un «Colérico»18.

Noutras ocasións, se a obra así o demandaba, realizaba previamente o modelado en barro: estoy estudiando una obra, un trabajo importante, pero que no acabo de encontrarlo definido. Estoy dándole vueltas en el barro para luego llevarlo a la madera19.

Entre ás súas creacións, poderíamos destacar unhas poucas polo cariño especial que sinto por elas. Así podemos sinalar o «Busto de Kant», «La madre Tierra no discrimina a sus hijos» (para ela todos son bos, os negros, os colorados, os amarelos…; para ela non hai distinción de raza, pois todos naceron dela), «A bomba atómica» (baséase na realidade da herencia nuclear e a deformación dos corpos), o «Valle Inclán» (busto homenaxe a un galego insigne), «Voando» e «Figuracións á beira do lume»20.

Foto: Praza Maior.

Outras obras significativas son Busto de Ricardo Rodríguez Ferreiro, Familia, Bico, Comunidade, Prá feira

Noutra entrevista destaca tamén Galiza emigrante xa que expresa la tristeza de nuestra región al ver marchar sus mejores hijos en busca de trabajo21.

As súa obras áchanse en coleccións privadas (maioritariamente de Galicia, aínda que tamén nalgunha de España e unha, Desesperación, nos EEUU) e institucións públicas (Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Museo Provincial de Lugo —Tullido, Cariña de lúa, Bico—, Museo de Ourense etc.).

Foto: Villarabid (El Progreso)

Ante a escultura dun Cristo tallado por el xuran todos os domingos de Pascua as damas e os cabaleiros da Serenísima Orde da Alquitara de Portomarín. A título póstumo, foi nomeado cabaleiro dela no ano 2005.

Tamén durante moitos anos entregóuselles aos Lucenses do ano un trofeo de bronce do que elaborou o molde en madeira en 1988.

Foto: José Luis Tejero (El Progreso)

Fixo ademais os moldes en madeira de numerosas placas para Lugo capital e provincia (por exemplo, as sitas nos monólitos do Parque Rosalía de Castro, no Xardín de San Roque, no Club Fluvial, na Praza do Ferrol…). Así mesmo, realizou o molde das letras que figuraban nos letreiros das rúas de Lugo ata o remate dos anos oitenta.

A finais desa mesma década colaborou como monitor de talla na Escola-Taller do Concello de Lugo, así como na Cruz Vermella.

Unha grave enfermidade apartouno do labor escultórico dende 1992.

Finou na cidade de Lugo o 13 de abril de 2004.

Foto: Paco Espinar (exposición fotográfica Lugo vivo, 1987)

Luis Ferreiro Peinó cos seus netos, poucos días antes do seu pasamento

Notas ao pé

1 Praza Maior, nº 10, outubro 1988, p. 7. [Volver arriba]

2 Ibid. [Volver arriba]

3 Ibid. [Volver arriba]

4 La Voz de Galicia, 10/03/2002. [Volver arriba]

5 Faro de Vigo, 08/06/1968. [Volver arriba]

6 Praza Maior, op. cit. [Volver arriba]

7 Documentación familiar [Volver arriba]

8 López Valcárcel, Xulio (2007). Sinais na area. Escritos sobre arte. A Coruña: Deputación da Coruña, p. 9. [Volver arriba]

9 Praza Maior, op. cit. [Volver arriba]

10 El Progreso, 4/11/1973, p. 11. [Volver arriba]

11 La Voz de Galicia, 22/07/1982. [Volver arriba]

12 El Progreso, 25/11/1976. [Volver arriba]

13 Documentación familiar [Volver arriba]

14 La Voz de Galicia, 13/12/1977. [Volver arriba]

15 Praza Maior, op. cit. [Volver arriba]

16 El Progreso, 27/04/1984. [Volver arriba]

17 La Voz de Galicia, 13/12/1977. [Volver arriba]

18 Catálogo da Mostra Antolóxica de esculturas, 1980. [Volver arriba]

19 El Ideal Gallego, 21/04/1978. [Volver arriba]

20 Artesonado, nº 11, 1991, pp. 6-7. [Volver arriba]

21 Hoja del Lunes de Lugo, 18/09/1972. [Volver arriba]