Persoas senlleiras da arte, da cultura e do xornalismo lembrarán a Peinó nun emotivo acto

O próximo mércores 1 de decembro terá lugar no auditorio do Vello Cárcere de Lugo un grande acto de lembranza a Luis Ferreiro Peinó, quen este 2021 faría 100 anos.

As persoas convidadas a intervir son, por orde alfabética: Carmen Blanco, escritora e profesora da USC; Antón Grande, xornalista e escritor; Xulio López Valcárcel, escritor e procurador dos tribunais; Elba Rey, presidenta da Fundación Novoneyra; Claudio Rodríguez Fer, escritor e profesor da USC; Xulio Xiz, xornalista, editor e produtor; e finalmente, como representante da familia, Xoán Luis Ferreiro, fillo do escultor.

Todas elas coñeceron dalgún ou outro xeito a Luis Ferreiro Peinó, motivo polo cal aproveitarán a ocasión para rememorar as súas vivencias e anécdotas co artista, así como para lembrar colectivamente o Lugo daqueles anos.

Ao remate das intervencións abrirase un coloquio para que as persoas asistentes poidan participar se o desexan.

Este acto transcorre en paralelo á exposición «Peinó 100», que acolle precisamente O Vello Cárcere dende o pasado 3 de novembro e até o vindeiro 7 de xaneiro. Tamén está enmarcado dentro das iniciativas de lembranza do artista polo seu centenario, que comezaron en maio coa estrea desta páxina web e continuaron en outubro coa publicación dun artigo na revista Mazarelos.

Agradecemos enormemente á Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo a súa colaboración para poder desenvolver este acto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará