«Peinó 100»: o Vello Cárcere acolle unha nova exposición do escultor coincidindo co seu centenario

As obras de Luis Ferreiro Peinó volverán reunirse publicamente dezasete anos despois. Aquel ano, no 2004, fora o Círculo das Artes quen acollera unha emotiva exposición de homenaxe meses despois do pasamento do escultor. Agora, coincidindo co ano do seu centenario, é o centro sociocultural O Vello Cárcere quen recolle o testemuño.

A exposición inaugurarase nun pequeno acto o vindeiro mércores 3 de novembro ás 20h e poderá visitarse ata o 7 de xaneiro do ano vindeiro. Dous meses en que as persoas interesadas poderán achegarse ao Vello Cárcere para coñecer a obra de Ferreiro Peinó.

En concreto, as esculturas do artista permanecerán amosadas no 1º andar ao longo de nove das antigas celas de mulleres. A gran maioría da mostra está conformada polas súas mellores esculturas, mais tamén se poderán coñecer aspectos biográficos e obras realizadas con técnicas e materiais diferentes á escultura e a madeira.

A do centenario trátase da oitava exposición individual de Ferreiro Peinó. Lonxe queda xa a primeira, organizada na Deputación de Lugo no ano 1968, á cal lle seguiron as de 1975, 1977, 1980 (todas de novo na Deputación de Lugo), 1980-1981 (Begonte), 1981 (O Páramo) e a xa mencionada exposición do 2004 no Círculo das Artes de Lugo. Esta tamén é a segunda exposición tras o falecemento do escultor.

Animamos a todas as persoas que o coñeceron a que acudan cando poidan ao Vello Cárcere para reencontrarse co artista, coas anécdotas que puideron vivir con el, co Lugo da época etc. E, por suposto, tamén recomendamos a visita a aquelas persoas que descubren agora a Peinó, para coñecer un artista autodidacta que evolucionou de tallista a escultor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará