«Entre gubias e labras»: Peinó é o persoeiro da Revista Mazarelos nº 6

Esta semana publicouse o número 6 da Revista Mazarelos. Habitualmente un dos artigos se dedica a un persoeiro, e este é o caso de Luis Ferreiro Peinó no novo exemplar da publicación.

En Entre gubias e labras. O escultor Luis Ferreiro Peinó no seu centenario, Xoán Luis Ferreiro e Brais Ferreiro, fillo e neto do escultor respectivamente, resumen en poucas páxinas a vida e a obra de Peinó. Un dos obxectivos do artigo é tratar de achegar o escultor lugués a todas as persoas que o coñeceron e, sobre todo, a aquelas que non o fixeron.

O artigo enmárcase nas iniciativas de lembranza e posta en valor do escultor aproveitando o ano do seu centenario. A primeira das ditas iniciativas foi a apertura desta páxina web e ao longo do que resta de ano continuará habendo novidades que se darán a coñecer nos próximos días.

O proxecto Mazarelos naceu en xaneiro de 2019 en formato de páxina web. Un ano despois publicouse o primeiro número da revista, a cal ten un carácter cuadrimestral. Este número e os anteriores poden adquirirse na tenda en liña de Mazarelos ou fisicamente nos puntos de venda habituais, entre os cales se atopa a Libraría Trama de Lugo.

Primeiras páxinas do artigo dedicado a Peinó

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará