«Eu e o parque temos a mesma idade»: Peinó no Parque Rosalía de Castro

Tal día coma hoxe, hai 100 anos, o Concello de Lugo aprobaba a creación do parque Rosalía de Castro.

A Peinó era frecuente velo no parque, ben como paseante habitual, ou, cando a calor do verán era intensa, como lector do xornal ou dun libro ao fresco das árbores.

Ao igual que moitas familias luguesas, Luis e a súa dona levaban ao parque o seu fillo para mostrarlle os parrulos, o loro, o pavo real… E era un verdadeiro espectáculo para o rapaz ver a procesión dos patos, antes da posta de sol, perfectamente aliñados trala persoa encargada de conducilos dende o estanque ata a caseta onde pasaban a noite.

Hai uns anos, arredor da fonte que se atopa entre o Mapa da Península Ibérica e o monumento coa Pregaria da árbore, aparecía formado con plantas o número 1921, data da creación do parque. Peinó, en ocasións, levaba alí o seu fillo e dicíalle: Eu e o parque temos a mesma idade.

Ao igual que cando iniciaba unha escultura, Peinó adoitaba buscar formas na glicinia, a planta rubideira cuxas pólas se cruzan e entrecruzan arredor da pérgola do parque. Durante uns anos apreciaba neles a cabeza dun cabalo. Algunhas veces, cando atopaba a persoas coñecidas, sorprendíaos coa pregunta: Viches un cabalo no parque? Vén comigo que cho ensino! E, ao presentarlles a suposta cabeza do cabalo na planta, os interlocutores quedaban abraiados.

Peinó vía a cabeza dun cabalo xusto detrás da súa posición na fotografía.
Á súa esquerda: Brais (neto), María (nora), Iago (neto) e María Teresa (dona)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará