Hoxe tivemos a oportunidade de falar no Diario Cultural da Radio Galega sobre Luis Ferreiro Peinó e máis sobre este proxecto que pretende divulgar a súa vida e obra. Xoán Luis Ferreiro, fillo do escultor, e Brais Ferreiro, un dos netos de Peinó, responderon as preguntas de Isabel Pichel.
A xornalista conduciu a entrevista a través da vida de Peinó: desde as primeiras inquedanzas sobre a escultura na barbería do seu pai, ata a exposición antolóxica de 1981 no Páramo. Entre outros asuntos, repasáronse as dúas etapas do artista lugués e comentáronse varias anécdotas, como os encontros esporádicos que mantiveron Luis Ferreiro Peinó e o poeta do Courel, Uxío Novoneyra.
Durante a conversa puido escoitarse a voz de Peinó en dúas ocasións grazas á gravación que conservamos entre o xornalista Xulio Xiz e o escultor lugués. Os versos de Xavier Rodríguez Barrio da segunda parte do Salmo enteiro a Luis Peinó, escultor actuaron como colofón á entrevista, a cal podes escoitar ao final desta nova.
Agradecemos á Radio Galega e ao Diario Cultural a oportunidade de falar de Luis Ferreiro Peinó e de achegar a súa figura ás e aos oíntes do dito programa.