Estreamos unha web sobre o escultor Luis Ferreiro Peinó, quen hoxe faría 100 anos

Peinó traballando no seu taller

Hoxe, 19 de maio de 2021, fanse 100 anos do nacemento de Luis Ferreiro Peinó (Lugo, 1921-2004). Inicialmente traballou como tallista nunha empresa de mobles, e desde 1958 compatibilizou a súa profesión coa súa nacente vocación artística como escultor.

Tras participar en varias mostras colectivas desde ese ano, expuxo por primeira vez de xeito individual no 1968 (Deputación de Lugo). Ata o 1976, a súa obra caracterizouse por ser de tipo figurativo e realista. Os temas máis frecuentes nas súas obras eran os humanos, o compromiso social, Galicia, o mundo onírico e a creación de mundos fantasmagóricos.

O Bimilenario de Lugo, nese 1976, provocou no artista un cambio na súa maneira de concibir a escultura. Isto levouno ao emprego de liñas simples e puras, ao uso da abstracción, ao aproveitamento dos ocos, á fusión de formas en bloques e a unha maior estilización. “He pensado que después de dos mil años había que hacer escultura de este tiempo”, afirmou nunha entrevista en decembro de 1977.

Continuou amosando a súa obra en varias exposicións, tanto colectivas coma individuais, ata o ano 1981. Tras o seu pasamento o 13 de abril de 2004, a Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Ramón Falcón (da que Peinó foi alumno), organizou unha exposición-homenaxe en novembro dese ano no Círculo das Artes.

Divulgar a súa obra

A familia do escultor inaugura dende hoxe un espazo web arredor de Peinó co obxectivo de divulgar a súa figura e poñela a disposición de calquera persoa interesada. Na dita web inclúese a súa biografía, unha boa representación da súa obra, información das exposicións en que participou, as súas aparicións na prensa e, finalmente, outras referencias en libros, enciclopedias ou revistas.

Noutro dos apartados habilitouse un espazo dirixido ás persoas que teñan unha obra de Peinó. Nel poden achegar unha fotografía da escultura e uns breves datos sobre ela para que, se o desexan, poida incluírse coas demais obras.

A intención do proxecto non é só abrir a páxina web, senón que se complementará coa presenza activa nas principais redes sociais, Facebook, Twitter, Instagram e Youtube. Con elas preténdese achegar dun xeito máis atractivo e actual a figura e a obra de Peinó. Así mesmo, con carácter periódico, actualizarase unha sección de novas con artigos temáticos de interese arredor do escultor e da súa cidade.Estreamos unha web sobre o escultor Luis Ferreiro Peinó, quen hoxe faría 100 anos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará